domingo, 1 de maio de 2016

Percorrido de peche da tempada outono 2015 no S.L. Bembrive-Beade

A pesares de principiar o día con choiva e frío, foi mellorando a medida que avanzou a mañá e permitiu disfroitar dun percorrido intenso polos montes de Beade e de Bembrive. Sen dúbida, a inmersión no monte coa diversidade de bosques (piñeirais, soutos de castiñeiros, carballeras e bosques de ribeira) e de plantacións (cerdeiras, abeto Douglas, etc) fixo as delicias dos participantes. Tamén foi de agradecer as vista dende a Fonte dos Friales ou o paso pola Aldea da Fraga
Algunhas mostras do citado atópase no album de fotos (premer aqui), no apartado Safari e na seguinte escolma. Con elas despedimos os percorridos desta tempada de outono 2015.






Andaina polo Sendeiro Local de Bembrive-Beade

A tempada de outono 2015 de Camiño a Camiño toca ao seu fin co sendeiro local de Bembrive-Beade que a Concellería de Medio Ambiente está a sinalizar en colaboración coas Comunidades de Montes de Beade e de Bembrive
Trátase dun percorrido por unha das masas forestais máis importantes do concello, onde se mesturan distintos tipos de bosque: piñeirais, soutos de castiñeiros, carballeiras e bosques de ribeira ao carón dos múltiples ríos e regatos existentes.
Partimos do Parque forestal de Beade, onde unha das particularidades que se poderan ver son as plantacións de cerdeiras e de abeto Douglas. Na ruta curta achegaremonos ao río Eifonso en Bembrive, para logo retornar a Beade. Na ruta longa, internarémonos nos montes de Bembrive pasando polas áreas recreativas de Galleiro e de Pouso, así como polo muíños rehabilitados e a casa da auga, referente da recollida que no seu día subministraba auga á cidade de Vigo.